Igrexa de Santiago de Rubiás
Esta igrexa presenta trazos románicos e do estilo popular. Os muros son de perpiaño e a súa fachada, sinxela pero elegante, conta cunha grande espadana que á súa vez serve de campanario. As súas cornixas son curvas aos lados e descansan sobre unha sinxela porta alintelada. Na cabeceira atopamos unha fiestra románica de arco de medio punto con columna pegada. Este templo conta ademais con pinturas que datan do século XVI e que representan o xuízo final. A Igrexa de Santiago de Rubiás era o punto de reunión do "parlamento" do Couto Mixto e lugar onde se gardaba a arca que contiña os documentos deste peculiar territorio que gozou da independencia tanto de España coma de Portugal dende o século XII ata o século XIX.