A Casa da Escusalla
Este edificio, actualmente en ruínas, atópase nos arredores de Ludeiros. É unha antiga casa señorial edificada polo Abade de Manín, Don José Martínez y Parga, un relixioso adiñeirado do século XVIII. Tras pasar por diversas mans a casa quedou abandonada.
Co tempo comezouse a correr a voz de que na casa se aparecía un frade chamado "Marrequiño", un antigo morador. Segundo a lenda este frade mandaba facer obras a albaneis de fóra da zona aos que logo, para non pagar, mataba e enterraba no patio. Disque polas ruínas vagan as ánimas deste frade e das súas vítimas.
Independentemente do sobrenatural, as ruínas señoriais, hoxe invadidas pola vexetación, son de indubidable beleza e merecen a súa visita.